#biblioveranengalicia chega hoxe A Pobra do Caramiñal

Hoxe tócalle á biblioteca da Pobra do Caramiñal face-las recomendacións para #biblioveranengalicia.

Non imos falarvos dos múltiples sitios que podedes visitar na nosa vila, calquera guía ou folleto turístico vos pode servir, pero dende a biblioteca queremos especialmente recomendarvos “catro”cousas, lugares ou eventos singulares do noso concello e que teñen algún tipo de relación co mundo do libro.

A procesión das mortallas do Nazareno, da cal tantas veces nos falou Victoriano García Martí, escritor nado na Pobra (cuxo nome leva, por certo, a nosa biblioteca municipal) e que constitúe unha das principais riquezas antropolóxicas galegas.

As marabillosas pozas ou “piscinas”naturais do río das Pedras e a lenda da barca do santo Amaro, que aparecen xa no “Viaje a Galicia”, de Sarmiento, alá por 1745, e que son un dos principais atractivos naturais do noso concello.

O Museo Valle-Inclán e a Ruta Valle-Inclán, xunto coas recentes celebracións incorporadas ó noso calendario cultural: a romaría da Curota e o Entroido Esperpéntico, que teñen como figura central o noso escritor máis insigne, non nado na Pobra, pero intimamente vinculado ó noso concello, onde escribiu algunhas das súas obras máis emblemáticas.

E, por último, un dos nosos lugares favoritos: a capela de Alba, unha marabilla escultórica moi pouco coñecida, pero dende tódolos puntos de vista fascinante … Iso si, na espera de aparecer nalgún libro aínda por escribir.

Ah! E non vos esquezades de visita-la nosa biblioteca, cunhas vistas que xa quixeran para si a maioría das bibliotecas, e onde poderedes atopar tódolos libros doutros escritores pobrenses. Uns tan descoñecidos como Leonardo da Jandra, Premio Nacional de Literatura en Mexico e cunha biografía de película, outros, coma Anxo Rei Ballesteros e Carlos Mosteiro, que recalaron aquí nalgún momento das súas vidas e xa non saíron da nosa vila onde faleceron nos últimos anos, e outros en plena creación literaria coma Manuel Gago, autor dalgunhas das novelas máis exitosas das nosas letras publicadas recentemente, coma “O anxo negro” ou “O exército de fume”.

Deixámosvos aquí unhas imaxes do último Entroido Esperpéntico.

biblioveranengalicia

bibliotecasmunicipais

Esta entrada foi publicada en Noticias literarias. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s